11 abril 2023

PREMIOS EXTRAORDINARIOS DE BACHARELATO


A Xunta de Galicia vén de convocar os Premios Extraordinarios de Bacharelato correspondentes ao curso 2022/23. Como se recolle no Diario Oficial de Galicia, poderán acadar estes galardóns, dotados cada un deles con 1.000 euros, un total de 20 estudantes. 
O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá, ademais, un diploma acreditativo e a distinción será anotada no seu expediente académico. O obxectivo é recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo das persoas que cursaron cun excelente resultado académico estas ensinanzas. Poderá optar ao premio extraordinario de bacharelato o alumnado que teña rematado estes estudos no curso 2022/23 nun centro docente de Galicia e que obtivese unha nota media igual ou superior a 8,75 puntos. 
Proba presencial o 14 de xuño
 Ademais, as persoas candidatas deberán realizar unha proba presencial, que terá lugar o día 14 de xuño, e que está estruturada en dúas partes. 
A primeira delas consistirá nunha análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico ou literario, e en responder cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na Primeira Lingua Estranxeira II cursada polo alumnado como materia xeral do bloque de materias troncais do Bacharelato. 
A segunda parte consistirá no desenvolvemento de temas, respostas a cuestións ou exercicios prácticos dunha materia xeral do bloque de materias troncais cursada polo alumnado a elixir entre Matemáticas II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Latín II e Fundamentos da Arte II. 
Solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 26 de abril e o 25 de maio. A presentación será, preferiblemente, por vía electrónica a do formulario normalizado través que se atopa no Portal Educativo cos datos correspondentes. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.