13 marzo 2023

PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN E MATRÍCULA


A Xunta actualiza o procedemento de admisión nos centros escolares para facelo máis áxil, sinxelo e adaptado á administración electrónica.
O Diario Oficial de Galicia publica a nova orde que substitúe a vixente desde o ano 2013 e adapta os seus contidos ao decreto posto en marcha o pasado curso.
Facilítase a admisión dos alumnos nos centros escolares mediante a simplificación e a sistematización do proceso. O período de reserva de praza para aqueles alumnos que rematan etapa nun centro e pasan a outro adscrito será do 15 de xaneiro ao 4 de febreiro, e o de admisión para os de novo ingreso ou que mudan de centro de xeito voluntario será do 1 ao 20 de marzo. Substitúese o sorteo de letra -que no último curso tan só se aplicou no 0,7% dos casos- por un sorteo numérico como criterio subsidiario de desempate.
O Diario Oficial de Galicia publica a nova orde de admisión  e adapta os seus contidos ao decreto de admisión que se comezou a aplicar o pasado curso. O obxectivo desta nova orde -de aplicación para centros docentes sostidos con fondos públicos- é implementar un sistema de admisión máis estruturado, áxil, sinxelo e adaptado ás novas tecnoloxías. Nesta liña, o texto incorpora os diversos cambios derivados da implantación da administración electrónica, así coma melloras derivadas da experiencia dos últimos cursos coa aplicación admisionalumnado, a través da que as familias poden presentar as solicitudes e coñecer o seu estado de tramitación. 
Na nova orde estrutúranse con maior claridade as diferentes fases do proceso de admisión (reserva, admisión ordinaria e escolarización extraordinaria) e modifícanse algúns prazos do procedemento. Así pois, de cara ao vindeiro curso 2023-24, a reserva de praza (para aqueles alumnos que rematan etapa nun centro e pasan a outro adscrito) estará aberta do 15 de xaneiro ao 4 de febreiro, e a ordinaria de admisión (para os que entran novos no sistema ou mudan de centro de xeito voluntario) mantense do 1 ao 20 de marzo
Ademais, ao desaparecer os exames de recuperación, elimínase a referencia ao prazo de matrícula en convocatoria extraordinaria de ESO e Bacharelato e establécese un único prazo de matricula que vai entre o 23 de xuño e o 7 de xullo
Substitúese o criterio subsidiario de desempate, pasando dun sorteo de letras a un numérico que se aplicará unicamente ás solicitudes empatadas en cada curso e centro, ordenadas en función dun número aleatorio asignado pola aplicación admisionalumnado no momento da gravación da solicitude, para determinar cal delas ocupará o primeiro lugar e os sucesivos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.