Estes impactantes vídeos da ONG "Save the Children" pretenden concienciarnos sobre as consecuencias das guerras, coa mirada posta nas últimas guerras destes anos, a de UCRAÍNA e a de GAZA, pero aplicable a calquera guerra.
Os vídeos quixeron recrear como sería o drama da guerra no Reino Unido cunhas impactantes imaxes. "Podería pasar isto algunha vez aquí?" pregúntase a organización, que mostra os terribles efectos da guerra nos nenos.
Imos a visionalos con moita atención e despois, seguindo as indicacións do teu titor/a, teremos un debate colectivo sobre eles.
O primeiro vídeo mostra como sería a guerra en Londres... ou en Madrid... ou en calquera das nosas cidades. En poucas horas, en poucos días... a nosa vida cambia como nunca nos puidésemos imaxinar. Igual que lles pasou aos nenos en Ucraína, ou lles pasou antes en Siria nestes últimos anos. Comeza o día en que unha nena inglesa cumpre 8 anos e mostra aspectos da súa vida diaria en Londres, na súa casa, coa súa familia e os seus amigos. A situación cambia drasticamente cando chega a guerra e con ela o medo, a falta de alimentos e medicinas. A cara da pequena reflicte ao longo do minuto e medio da montaxe ese cambio brutal que pasa do rostro de felicidade inicial á angustia e ao medo no momento en que estala a guerra. O vídeo termina co lema "Que non o vexas, non quere dicir que non ocorra".
Nestoutro, co título "Está a pasar.Está a pasar aquí" móstrase a viaxe dunha nena refuxiada en dous minutos. Igual que lles pasou a tantos mozos/as sirios...
No vídeo, a nena protagonista abandona o seu fogar asediado polas bombas; dorme á intemperie; viaxa nunha barcaza soa e termina naufragando no medio do mar. É rescatada e atendida nun hospital. Unha ficción que por desgraza non sempre se cumpre na realidade:
A guerra afecta a todas as persoas,... pero especialmente aos nenos/as, como nos lembra a ONG "Save the Children" que traballa por eles/elas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.